ESPECTACULOS 28 junio, 2019

DESTACADO: Este sábado a Torre de Hercules converterase nun xigantesco escenario para a proxección de 36 metros de alto con máis de 24.000 vatios de potencia

by Alexia Prieto

O sábado 29 de xuño o monumento converterase nun xigantesco escenario para a proxección de 36 metros de alto con máis de 24.000 vatios de potencia de son e unha banda sonora específica.

Baixo o nome `Luz e Son de Hércules ́ as paredes do monumento servirán de gran pantalla de 36 metros de alto para o espectáculo audiovisual exclusivo que se celebrará como remate do programa do X Aniversario do monumento como Patrimonio da Humanidade, nunha iniciativa organizada polo Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña.

A proxección, que comezará ás 23.00 horas, constitúe o punto central dun amplo programa de actividades, será levada a cabo pola empresa Acciona Producciones y Deseño (APD), que ofrecerá nun espectáculo tridimensional o diálogo entre a Torre de Hércules e un vello mariñeiro que actúa como narrador, e traza un fío argumental cronolóxico que pon en valor a historia e a mitoloxía que rodea ao monumento. A historia recolle episodios como a batalla entre Hércules e o xigante Xerión, as grandes rutas atlánticas dos navegantes, e a Torre como testemuña e emblema da cidade e rematará no presente para poñer o foco nunha cidade cosmopolita e moderna que se proxecta cara ao futuro.

Achégate a min

O espectáculo `Luz e Son de Hércules ́ enlazarase co concerto exclusivo `Achégate a min ́ de Mercedes Peón, que comezará ás 23.30 horas. Deseñado pola artista en exclusiva para esta contorna e esta data, o concerto está pensado como unha expansión artística electrónica e conceptual nese espazo a través da Torre.

Peón sinalou que esta proposta é unha “chamada sonora, vocal e electrónica de vangarda desde o catro puntos cardinais da rosa dos ventos”. No concerto, que tamén será de entrada libre, participarán Mónica de Nut e Ana García, as voces líricas de Laura González, Laura Garrido e Yolanda Alleges, e coa proposta escénica de Laura Iturralde.

Durante toda a xornada do sábado na contorna da Torre sucederanse distintas actividades para todos os públicos como exposicións, visitas guiadas e talleres infantís gratuítos pero con inscrición en talleresinfantilescoruna@gmail.com así como campamentos romanos e teatro.

Entre os días 24 e 28 de xuño celebrarase tamén unha edición especial de Visitas Nocturnas, coordinadas polos informadores turísticos da Torre, tamén con reservas en torredehercules.reservas@coruna.es