QUE VISITAR 5 mayo, 2016

O Aquarium Finisterrae, a Casa das Ciencias e a Domus teran acceso gratuito este sábado

by Victor Lamela

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou a programación do Día da Ciencia na Rúa, que celebra a súa XXI edición este sábado, día 7, no Parque de Santa Margarita. O edil saudou “a continuidade dunha xornada celebratoria” organizada pola Asociación de Amigos da Casa das Ciencias e os Museos Científicos Coruñeses desde hai 21 anos, e fixo fincapé na relevancia de realización “dun sinfín de actividades” vinculadas á divulgación científica na rúa, que supón “unha grande oportunidade para chegar a novos públicos e difundir a actividade máis aló dos recintos”. “O sábado teremos unha nova ocasión de ver a eclosión dunha figura de excelencia na cidade como son os Museos Científicos”, sinalou Sande, “así como a propia repercusión social e educativa que teñen estes espazos”, ao destacar a participación na xornada de 29 centros educativos, o Servizo Municipal de Educación así como centros de investigación estatais ou a Universidade da Coruña.

1

Un ano máis, o Aquarium Finisterrae, a Casa das Ciencias e a Domus súmanse a celebración do Día da Ciencia na Rúa favorecendo a asistencia aos recintos a través dunha xornada de portas abertas de 11.00 a 19.00 horas, “na que se reforzará a actividade en cada un deles”, sinalou o seu director dos Museos Científicos, Ángel Loureiro, quen participou na presentación da “festa da Ciencia”.

Deste xeito, ás tres exposicións que se atopan na Casa das Ciencias ­Puro Swing, Palabras da Ciencia e Paisaxes astronómicas­, unirase a proxección dun Maratón Planetario, con pases ás 11.00, 12.00, 13.00, 16.00, 17.00 e 18.00 horas. As entradas repartiranse na recepción do museo media hora antes do comezo de cada sesión. Na Domus, ademais da exhibición da película en 3D Pequenos Xigantes ­ás 12.00, 13.00, 17.00 e 18.00 horas­ celebraranse talleres de disección no Laboratorio Aberto, e a Sala Maker, inaugurada o pasado mes de novembro, ofrecerá “unha pequena sorpresa a todas aquelas persoas que se acheguen a ela”, explicou o responsable dos museos.

plano_XXIDiaCienciaRua-2

O Aquarium Finisterrae terá preparada para a ocasión unha exposición “moi impactante e que chamará moito a atención”, salientou Loureiro, a exposición A nimais que parecen plantas, na que o público poderá apreciar a natureza de seres mariños que semellan vexetais, que estará situada no tanque cilíndrico da sala Maremagnum. Ademais de visitar as instalacións ou as imaxes de O nunca visto. Fotografías do extraordinario da National Geographic Society, o público poderá participar, entre outras actividades, na alimentación das focas ás 12.00 e 17.00 horas.

Outros espazos da cidade tamén terán entrada de balde e actividades especiais o día 7, como a Torre de Hércules que ofrecerá visitas guiadas ás 11.30 horas e ás 15.00 horas ­previa inscrición no 981 223 730­ ou Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía.

Expemientos e actividades lúdicas

Entre os experimentos científicos que o alumnado de 29 centros educativos de toda Galicia presentarán este sábado ao público no Parque de Santa Margarita, haberá ilusións ópticas, xogos con imáns, formación de nubes, extracción de ADN da saliva, actividades sobre hábitos saudables ou experimentos para fabricar cores por ósmosis.

A xornada, como vén sendo habitual, tamén terá un importante compoñente lúdico. Xogos de xadrez, espectáculos de maxia, grafitis científicos ou voos de cometas serán algunhas das actividades nas que as e os asistentes poderán participar, as que se sumarán os obradoiros de papiroflexia, carreiras de globos, caracois, lanzamento de avións de papel ou o xogos no parque infantil para as e os máis pequenos, ademais do concerto da Banda Municipal de Música na escalinata ás 12.00 horas.

Á festividade tampouco faltará o Pasarrúas cos 12 cabezudos dos Museos Científicos, que renden homenaxe a algúns dos investigadores e investigadoras máis destacadas da historia: Marie Curie, Cornide de Saavedra, Isaac Newton, Albert Einstein, Arquímedes de Siracusa, Antoine Laurent de Lavoisier, Galileo Galilei, Jacques Cousteau, Charles Darwin, Severo Ochoa e Balmis. Percorrerán na mañá do sábado as rúas da cidade desde as 11.00 horas, hora á que partirán da praza de Lugo para chegar ata a praza de María Pita e, a continuación, discorrerán polo Paseo Marítimo, desde a Fonte dos Surfistas ata as Esclavas, para volver ata o Parque de Santa Margarita ás 14.00 horas, onde pasarán o resto da xornada.

José Manuel Sande e Ángel Loureiro tamén estiveron acompañados na rolda de prensa polo presidente da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias, Francisco Javier Novelle, quen destacou que a organización do XXI Día da Ciencia na Rúa realizará este ano unha pequena homenaxe ao profesor de bioloxía Enrique Santillán, falecido recentemente, e quen asistiu a todas edicións da celebración científica co alumnado do Colexio Maristas.