COMER 23 noviembre, 2018

O Mercado de San Agustín acollerá os días 1 e 2 de decembro o IV Festival de Bocadillo Gourmet Boucatise

by Victor Lamela

O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, e a xerenta do Consorcio de Turismo, Lanzada Calatayud, presentaron este xoves a nova edición do Boucatise, o IV Festival Bocata Gourmet A Coruña, que se celebrará na fin de semana do 1 e 2 de decembro no mercado de San Agustín e que este ano congregará a oferta de 14 establecementos de hostalería da cidade, con propostas a prezos de entre 3,5 e 5 euros que, como xa é clásico, compatibilizarán a tradición e novas tendencias gastronómicas, tanto na elaboración tamén nos produtos. En concreto, nesta edición os locais participantes son o Alma Negra, Bocanegra, Casa Pardo, Culuca, Mesón Octavio, Foodcraft, Finca Montesqueiro, Gastroteca, Greca, Kohlanta, La Teresa, Malte, Peculiar e Roots. “O éxito desde festival gastronómico radica na exaltación dunha cociña que, malia a humildade do produto base no imaxinario colectivo, como é o un bocadillo, ofrece unha morea de posibilidades para que as cociñeiras e cociñeiros da cidade demostren o seu talento, a súa capacidade de innovación e para sorprender os padais tanto da veciñanza como das e dos visitantes”, apuntou Lema.

Tal e como recordou o concelleiro, tamén presidente do Consorcio de Turismo, a iniciativa púxose a andar no 2015 da man de Turismo A Coruña, co obxectivo de ofrecer unha proposta culinaria única e con vocación de continuidade nun espazo simbólico para a cidade e para a súa gastronomía, como o mercado de San Agustín. “Boucatise pon en relación a cociña de vangarda coa distribución máis clásica de alimentos, como é a dos mercados municipais. Este festival pon en valor o produto de proximidade e a compra responsable, xa que ademais, as e os participantes deben traballar con materia prima que se atope no propio equipamento”, sinalou Lema.

O concelleiro lembrou que o evento, “que xa está consolidado na axenda gastronómica local”, supón o remate neste ano de todos os eventos gastronómicos do calendario coruñés despois da celebración do concurso Picadillo, que, na pasada edición, se prolongou durante os últimos tres meses cunha programación especial vinculada ao Centenario Picadillo.

Pola súa banda, a xerenta do Consorcio, destacou “a posta en valor dos mercados de abastos municipais, un dos atractivos turísticos máis relevantes da cidade”, que supón a celebración da IV edición de Boucatise, “que fomenta a calidade e a variedade gastronómica coruñesa, convertendo a nosa cociña dun dos recursos máis destacados da oferta turística”. Ademais, o festival contará nesta ocasión con Ciudad Real e Trujillo como municipios convidados. Ambas localidades, como A Coruña, forman parte da rede Saborea España.

Programa

Ademais dos 14 postos de venda, Boucatise ofrecerá, unha serie de showcooking, demostracións ao vivo e degustacións do bocadillo como protagonista. serán dez locais e estará de man de Francesc Chicón e Sergio Muso, do restaurante Eclectic; Gorka Rodríguez, de A Pulpeira de Melide; Iván Domínguez, que se atopa inmerso nun novo proxecto; Belen García Castro, do Mesón Octavio, de Ciudad Real; Pablo Pizarro, de Bocanegra; Daniel López, de Josefa ́s Bar; Alvaro Victoriano, do Intenso; Álvaro Gantes, de O Lagar da Estrella; Gonzalo Somoza, del Kohlanta; e Alma Garcia, do Greca Bar. Para participar nestas actividades é imprescindible realizar unha inscrición previa, xa que contan 20 prazas por sesión, que inclúe a degustación do que se prepare. O prazo de inscrición está aberto, desde esta mañá, a través do webhttp://www.boucatise.coruna.es

Durante toda a fin de semana, e en horario da apertura do propio festival, de 12.00 a 18.00 horas, establecerase un espazo específico para nenas e nenos, nos que se ofrecerán diversos xogos e actividades, e contarase cunha proposta musical dirixida a todos os os públicos, na que participarán DJ Cuco, o sábado 1, e DJ RebeKid, o domingo 2.

Outra das novidades desta edición, segundo avanzou Calatayud, será que se levará a cabo unha visita de touroperadores de Reino Unido e Irlanda “que están interesados, especificamente, no ámbito das viaxes gastronómicas culturais e de city-break”, ademais de dúas persoas xornalistas que pasarán a fin de semana na cidade co obxectivo de promocionar A Coruña como destino “ademais de dotar de relevancia internacional a este festival ​street-gourmet​”.